Opinión

Con elas topamos

Tanto adianto, tanta tecnoloxía, tanto teletraballo ou traballo a distancia e resulta que os paisanos temos que contratar xestorías para lograr citas previas coa administración. E logo! Como debe ser! Desde que existen as administracións estas fan e desfán ó seu antollo; que sexa o pobre paisano de a pé o que se busque a vida... perdendo horas de tempo e, como non, perdendo a paciencia. Se antes saltabamos coa ladaíña de que coa igrexa topamos, agora cambiaron as tornas: encontrámonos coa administración. E deixa caer a crítica un que foi funcionario toda a vida. Sei, polo tanto, do que falo.

É verdade, o lastre da igrexa aínda está aí. E seguirá estando. Quizais con non tanta forza, pero chégalles ben. Hai uns días un colexio relixioso concertado de Granada (ollo, concertado), prohíbelle ás nenas levar faldra. Non vaia ser que ensinen a cova do inferno (que grazas a esa cova existen eles). Xa non digo nada dos escotes porque igual as excomungan. E moito coidadiño coas vestimentas dalgunhas; que da bruxería á inquisición hai menos dun amén.

Como se ve, dúas das grandes institucións da nosa sociedade seguen armando das súas e andando coma Pedriño pola súa casa. Se ven que se forma moita protesta, moito barullo, cambian dous ou tres puntos e todos contentos: a administración atende de dez a once e a igrexa pasa dos colexios ós campamentos, por exemplo. O caso é mandar, dobregar e asoballar ó paisano. Como debe ser!

Te puede interesar