Opinión

Con música e co ordenador

Loito contra a dor das costas. E dos brazos. Loito contra o cansazo que está en min. Loito con música e co ordenador. Para plasmar sobre el ideas, pensamentos, esbozos, parvadas, nostalxias e o que caia. Agora mesmo dáseme polo rap escoitando “Mandrágora”, de VKR. Pero hai un cacho bailou sobre os meus oídos o “Conquest of Paradise”, de Vangelis. E despois desta eran Xil Ríos e Juan Pardo cantando aquilo de “Xirarei”. Xirar xiran os meus lamentos, os meus queixumes, os meus latexos medio amorfos e moi doridos. Hai traballos que te deixan deslombado e baldado. Nin tiven ganas de ler a fondo o xornal e moito menos de ver o Alavés Deportivo. Cama e lectura. E ó poñerme a ler, uff, íaseme a vida. Pero hai que aguantar coma os heroes. Como aguantarei ós EPMD co seu álbum “Strictly Business”. Como se ve, escoito de todo. É que me gusta a música, en xeral, e o jazz, en particular. As bandas sonoras xa son tema á parte. Hoxe ata pode que non toque nada de jazz. Teño os meus métodos para escoitar música cando estou co ordenador; as miñas rutas, os meus listados. Se non fora por isto, estaría escoitando sempre as mesmas bandas sonoras ou as mesmas cancións. Hai que escoitar algo de todo.

Te puede interesar