Opinión

Confía en probar bocado

Ocan ponse coma toliño porque ten a cadeliña moi preto. O can non é parvo. A cadeliña ládralle a un can grande que vén alá ó lonxe. Os cans pequeniños sempre se poñen fanfarruñeiros, moi farrucos ante os grandes. Porque tampouco son parvos. E saben que o amo o defenderá sempre, incluso tamén o amo do grande. A ver!, ninguén deixa que lle boten a boca a esa cousiña.


A cadeliña non lle fai nin caso ó cadelo que lle ladra. Pero este sigue en plan saído. Os donos dos animais dedícanse a gastar bromas á conta dos cans. Bromas con dobre intención, claro. Cando se fala de sexo, de calquera clase de sexo, adoitamos facer uso da dobre intención, é dicir, da pura e auténtica retranca.


O can, nótaselle a leguas que babexa. Normal! Non a todas as horas ten unha cadeliña de diante. Ó mellor ata confía un chisco en probar bocado. Vai ti saber. Non obstante, pouco a pouco calma as súas ansias e de cando en vez xa senta e xa deixa de ladrar. Pero sigue babexando, claro.

Te puede interesar