Opinión

Un conto para a carrapuchiña

O mundo ó revés. Fun eu quen lle contou un conto á Carrapuchiña Vermella. Díxenlle que cando a lúa estivo en cuarto minguante foi cando se extinguiron os dinosauros, mentres que cando estivo en crecente, os decibelios dos bruídos doutros animais foron en aumento. Ó principio a Carrapuchiña pensaba que era unha trola, unha esaxeración das miñas, pero ante a mirada fixa que lancei sobre os seus propios ollos, soubo que dicía a verdade.

Máis tarde xa lle expliquei (perdón, contei, que estamos nun conto) que todo o que sobe, baixa e que todo o que entra, sae. Despois, aproveitei e seguín coa ladaíña: todo o que vai, vén; todo o que corre, para; todos os que choutan, caen; todos os que berran, calan; todos os que cantan, bailan... Non seguín porque empecei a notar como se lle pechaban os ollos á Carrapuchiña. Aínda non quería que se durmise. Aínda quedaban dous parágrafos do conto.

Para elo, optei por facerlle unhas poucas cóxegas e así facela rir. Tiña unha risa bonita e, iso si, algo aguda, que se se alargaba, volvíase incómoda. Nada, nada, hai que seguir co conto. Díxenlle que cando a lúa estaba na súa fase vella, non tardaban en oulear os lobos.

Foi aí cando empezou a tremer, e foi aí cando caín na conta do que significaba o licántropo na súa vida. Pobre Carrapuchiña! Entón, coa intención de que non sufrise máis, acabei rematando o conto cantándolle unha canción de berce para que, agora si, durmise en paz e soñando.

Te puede interesar