Opinión

O corazón 
do filme

No abril do 2008 a cidade de Bos Aires viuse invadida por un estraño e insólito fume, curioso fenómeno climático que despois se explicou de maneiras un pouco máis racionais e aburridas pero que naquel entón permitiu todo tipo de especulacións. Pois ben, a directora Natalia Smirnoff viu nesas semanas a escusa perfecta para facer unha película que atendera a un personaxe vivindo circunstancias entre curiosas, críticas e fundamentais da súa vida. O cerralleiro que lle dá título ó filme é un mozo entre despreocupado e apático, dono dunha cerrallaría na que se atopa en conversa con amigos, ten unha historia de amor, sen compromisos, cunha moza e algúns outros “asuntos” dos que nos iremos decatando. O su maior interese semella que está en facer unha caixiña de música con materiais que usa no seu traballo.

Pero unha serie de cousas veñen alterar a súa apatía. Primeiro, a moza queda preñada, o que o pon ante unha alternativa de responsabilidade inusual na súa vida. Despois, empezará a ter algo parecido a visións no seu traballo que lle ocasionarán algún que outro problema. E tamén unha nova relación cunha ex empregada doméstica peruana que acaba refuxiada na súa casa. A directora e guionista arxentina conta a historia dunha maneira bastante realista, case costumista. E pouco a pouco asoma unha película que ten bos momentos e uns grandes personaxes, pero que non acaba de convencerme de todo. Ten tenrura, ten emoción, pero fáltalle algo para completar unha boa película. “O cerralleiro” amosa unhas bonitas relacións do protagonista coas dúas mulleres que invaden a súa existencia e que fan posible que se disipe ese fume que non lle permite avanzar na súa vida. Esas relacións creo que son o corazón do filme e o seu punto máis alto na calidade do mesmo. Natalia Smirnoff mostra uns seres humanos cribles, cos seus medos e os seus problemas, que recoñecemos e queremos. A ver, non é perfecta, pero é unha moi digna película.

Te puede interesar