Opinión

A culpa é das forzas da natureza

Unha das noticias que máis impresión me causou a semana que nos acaba de deixar foi a da morte dese cativo que unha nai esqueceu dentro do coche e con altas temperaturas. Recoñezo que non me entra moi ben na cabeza o do esquecemento. Entendo que, durante cinco, dez, quince minutos, poidas esquecer algo, incluso algo valioso, pero a un fillo... ademais, a un cativo de tan só dous anos, no que se entende que unha nai está pensando sempre nel. En algún momento do seu traballo (seica foi correndo ó coche logo de seis horas) tivo que pensar á forza no neno. E se non pensou... pois iso, que non me entra na cabeza. Parece que tamén se esqueceu de levalo á gardaría. Non o levaba acaso todos os días? Iso xa tiña que ser como unha rutina. Non entendo nada. E menos cando sei que calquera pai ou nai sempre están pensando nos fillos, aínda que teñan corenta anos. A gran pena é que xa non hai volta de folla e que a desgraza foi para o cativo. A vítima sempre é a que sae perdendo. Que a terra lle sexa leve. Pobriño.

A gran pena é que xa non hai volta de folla e que a desgraza foi para o cativo. A vítima sempre é a que sae perdendo

Máis desgrazas? A treboada que asolou Zaragoza. Centos de veciños sen luz, estradas cortadas e colexios desfeitos, esnaquizados. Aquí quería chegar, ó dos colexios. Xa o teño dito varias veces, pero seguirei a repetilo, a ver se aburro ós políticos e me fan caso. Os colexios, pavillóns, auditorios e calquera recinto no que se xunte moita xente deberían ser coma búnkeres. E, si, principalmente os colexios, pois nestes están os máis desvalidos. Non quero nin pensar nese desastre zaragozano se non estiveran os nenos de vacacións. E non vale dicir que as forzas da natureza tal ou cal. Hai forzas e forzas e, moitas, o ser humano pode controlalas ou polo menos axudar a que non sexan tan destrutoras, tan devastadoras. Non se poden construír colexios con paredes de ladrillo fino e con tellados de uralita mal cravada, nin se poden construír nos lugares nos que algúns se constrúen.

Non se poden construír colexios con paredes de ladrillo fino e con tellados de uralita mal cravada

Agora como xa empezamos unha nova campaña electoral, prometerán o santo e máis a esmola para vencer todas esas adversidades, mellor dito, calamidades, que despois xa lle botaremos a culpa ás forzas da natureza, sexa o sol no caso do cativo ou sexa unha tromba de auga no caso zaragozano. O caso é saír do paso, que, despois, sacamos os santos en procesión para que non chova ou escoitamos a Os Resentidos con fai un sol de carallo.

Te puede interesar