Opinión

Cun simple guante

En 1940, a Columbia decide incorporar a Rita Hayworth ó seu primeiro oficio de bailarina e emparéllaa con Fred Astaire en “Desde aquel bico” (1941). Astaire e o público quedan encantados e repiten parella en “Bailando nace o amor” (1942), un novo éxito.

Mentres tanto, Rita, romántica e apaixonada, sofre, porque comprende que para Judson (o seu marido) non foi a mullerciña adorada, senón unha inversión a longo prazo. Na rodaxe de “Miña rapaza favorita” (1942) empeza un romance con Victor Mature e pide o divorcio, que llo conceden o 7 de setembro de 1943; pero, para entón, Mature xa pasou á historia; Rita acababa de namorarse dun xenio, don Orson Welles, e casa con el o mesmo día en que queda libre e cando acaba de rodar o mellor dos eus musicais, “As modelos” (1944), de Charles Vidor, con Gene Kelly e coa axuda coreográfica de Stanley Donen.

Rita está tan ben con Welles que non quere repetir os erros do seu primeiro matrimonio, polo que o cine ocupa o seu segundo lugar fronte ó seu fogar e a súa vida sentimental, pero quizais sexa isto o que fai que Welles se afaste dela. En 1945 nace a súa filla, pero xa nada funciona como debería.

Chega entón o momento que definirá toda a vida da Hayworth: roda “Gilda” (1946), dirixida en branco e negro por Vidor e créase o mito erótico dos corenta e un dos máis grandes da historia do cine.

A Harry Cohn (presidente da Columbia) non lle interesa un escándalo máis alá da película e preocúpase pola situación familiar dos Welles; para reconcilialos ofrécelle a Orson unha película para a súa muller e el escribe “A dama de Shanghai”. A película ródase en 1946 e a produtora non se atreve a estreala ata dous anos máis tarde, cando, os entendidos, a catalogan como obra mestra, mentres que, o público, a defenestra. O matrimonio non tarda en separarse.

A Columbia non sabe que facer cunha actriz que se converteu nun só personaxe, Gilda. E Rita, aburrida do cine de Welles e de Hollywood, viaxa por Europa, onde coñece ó príncipe oriental Alí Khan, co que casa en 1949. Fai máis cine, pero quedará como a actriz que realizou o mellor striptease da historia do cine. Cun simple guante.

Te puede interesar