Opinión

Cun simple vivir

Deixa que o suspiro caia coma un lóstrego de esperanza no firmamento e que un lobo oulee por entre os codesos do monte Medo. A esperanza chega cando pensas que todo está perdido. O ouleo sae cando o luscofusco asoma polo outeiro da chaira de Pinouzos. Non todo chega con pensalo; ás veces tes que escribilo e seguir esperando. E cando chega sabes que o asubío non caeu en saco roto; por iso lle buscas un recantiño á memoria para que alí acouguen os lóstregos da harmonía e do bo facer.

Deixa que o silencio se deite, a modiño, entre as sabas brancas do ruído. Non hai mellor harmonía que aquela na que a realidade chega, espera e asenta sobre os soños soñados, sobre os versos rimados. Non todo chega con escribilo; ás veces cun simple vivir alcanzas a esperanza solicitada, o latexo do instante, a alma do poema. Cada quen que goberne a súa vida e que cada átomo da inocencia bule por entre as nubes dunha infancia que nunca marcha. Queremos vivir entre o resplandor da lúa chea e acabamos saloucando en cuarto minguante. Cun simple vivir, vives sen medo.

Te puede interesar