Opinión

De forte carácter

Feita a paréntese da semana pasada sobre a morte do crítico cinematográfico Carlos Pumares, toca seguir coa grandiosa Katharine Hepburn, a cal, ó acabar o seu contrato coa RKO decidiu volver de novo ó Este para facer o que realmente lle interesaba: teatro. Alí estaban, ademais, o seu home, aínda que só fora un marido nominal, e o seu auténtico acubillo, a familia.

Durante os primeiros anos da súa carreira profesional, a súa vida estivo moi ligada á de Laura Harding, unha moza que sacrificou a súa propia carreira para converterse na acompañante inseparable de Kate. Chegou a coñecerse coma “o poder tras Kate”.

Os fracasos teatrais fixeron que volvese de novo a Hollywood. Pero tampouco alí a sorte lle sorriu. Tan só acadou certo éxito con “Soños de xuventude” (1935), dirixida por George Stevens, outro dos seus romances sen demasiadas consecuencias.

Nin sequera ó lado de George Cukor e Cary Grant, en “A gran aventura de Silvia” (1935), logrou ganarse ó público. Unha actriz que se pasaba practicamente toda a película vestida de home era algo aínda difícil de asimilar polo espectador. De novo adiantárase ó momento.

“María Estuardo” (1936), o seu seguinte filme, enfrontouna a outra gran personalidade, un irlandés católico e borracho chamado John Ford. Esas tres palabras acabarían por ser parte esencial da súa vida. O choque dos dous caracteres foi inevitable nos primeiros días da rodaxe. Porén, as pelexas axiña deixaron paso a unha estreita compenetración profesional e a tranquilas fins de semana de amor e pesca.

Katharine Hepburn non ocultou a súa atracción polos homes fortes. Como tamén o era o rico Howard Hughes, un individualista de carácter difícil, director e produtor de cine e especialista en bater récords aéreos. Con el viviu unha aireada relación amorosa e profesional. Grazas a el, por exemplo, conseguiu rescatar “A fera da miña nena” (1938), de Howard Hawks, cando a RKO estaba a piques de arquivala despois de empregar unha forte suma. O que non conseguiu foi que a película tivera éxito naquel momento, aínda que, co tempo, se convertería nun clásico.

Te puede interesar