Opinión

Declaración de pacifismo

Segundo unha enquisa que fixeron hai moitos anos cen especialistas cinematográficos, a película “A gran ilusión” (1937) quedou catalogada como a quinta mellor da historia do cine. O filme é unha fermosa declaración de pacifismo no que Jean Renoir amosou a súa convicción de que os intereses dos homes transcenden as barreiras fronteirizas e a súa localización en trincheiras opostas.

“Todos os demócratas deberían ver este filme”, seica sentenciou o presidente norteamericano Roosevelt á saída dunha proxección. Pero... “É o inimigo cinematográfico número un”, dixo Goebbels desde outro punto de vista involuntariamente coincidente.

Jean Renoir fixo “A gran ilusión” entre “Os baixos fondos” (1936) e “A Marsellesa” (1938) na cerna da súa etapa frentepopulista. A película tivo un éxito inicial moi forte. En Nova York estivo quince semanas no seu local de estrea. En Venecia acadou o premio ó “mellor conxunto artístico”, pero a censura de Mussolini prohibiuna. O propio director manifestara que “con esta película quero expresar a miña crenza profunda na igualdade e na fraternidade”.

Non obstante, os xuízos sobre o filme foron dispares. Coa ocasión da súa reestrea en 1946, o escritor Céline considerouno coma propaganda xudía, mentres a extrema esquerda francesa a tachaba de antisemita e pro alemá e se prohibía por tal motivo en Rumanía. Mais ninguén dubidou nunca da súa mestría.

O apoio do actor Jean Gabin foi decisivo para que “A gran ilusión” chegara a facerse. Produtores e distribuidores recuaban ante un filme de tema bélico. Estaba moi visto, aseguraban. Para o papel principal, Jean Renoir contou co inmenso Eric von Stroheim, cineasta ó que admiraba enormemente e que por aquel entón estaba retirado en Francia debido ós seus contratempos coa industria norteamericana.

No equipo técnico de “A gran ilusión” sobresae a presenza como axudante de dirección de Jacques Bécker, que desempeñou idéntica función con Renoir en outros sete filmes. A maiores, este axudante de dirección tivo unha pequena actuación ante a cámara no personaxe dun oficial inglés.

Te puede interesar