Opinión

Detrás do home

Chamei polo home que estaba a atravesar as leiras do Piual. Chamei por el desde o cemiterio de Baños de Molgas. Como non me oía, optei por asubiarlle. Porque o asubío ten máis decibelios que unha chamada. Ó mesmo tempo, tamén lle berrei. Non houbo maneira. O home ou era xordo ou a miña potencia era escasa. Non fixen máis intentos. A solución estaba en botar a andar ou a correr para ir detrás del.

Saín do cemiterio e collín o estreito carreiro que leva ós Piuales. Como tampouco a présa era moita, coloquei música nos meus oídos e seguín o ritmo das cancións e temas instrumentais. De cando en vez, cunha vara, tiña que apartar de mala maneira as silvas que cruzaban o carreiro. Á altura das primeiras fincas do Piual atopei un lagarto morto ó que lle recei alí mesmo un responso de kyrie.

Rematada a oración seguín de novo os tres pasos do primeiro parágrafo: chamada, asubío e berros. Nada; o home xordo coma unha tapia. Alcanceino á altura das Pedradarcas. Xusto cando ía falar con el, vin que non o coñecía de nada, que non era de Baños de Molgas. Vaia corte!; tanta desesperación para nada.

Disimulei seguindo o meu camiño ata os Pontóns. Alí fixen coma que buscaba os marcos da leira que me tocara en herdanza. Digo que disimulei porque penso que o home si me oíra, pero... Ó volver para a vila cruceime con el, mirámonos e non nos dixemos nada.

Te puede interesar