Opinión

Día de praia

Estou algo cansado. A praia cansa bastante. Aínda que, mellor dito, o que esgota é o sol. Por iso eu nunca fun moito de praias. Eu son máis de montaña, máis rural. Certo que, de cando en vez, ir un chisco á praia non está mal. Perdón, quizais debería dicir: o mar. Isto si, isto xa é outra historia, outro cantar. Podo facer coma hoxe: ir á praia e acompañar á muller, que como non pode tomar moito o sol, axiña nos puxemos os dous á sombra dar árbores que hai á beira da praia. E desde alí foi cando me atopei na gloria... porque escoitei o mar. Esta si que é unha gozada! Escoitar o ruído do mar! Por iso tamén dei un paseo, goldrando; para refrescar os pés e escoitar con máis forza o ruído do mar, desas ondas que veñen e van. Desas ondas que, se mirabas moito para elas, mareaban. Pero que bonita sensación. Ata ó calo lle notei melloría! O resto do tempo: estomballado á sombra, durmindo, comendo bocadillos e, como non, lendo. Lendo de tal maneira que cando fun buscar o libro ó coche (xa lera dous xornais), aparecín con dous. É que un sabía que o remataría alí mesmo. E alí mesmo o rematei. Non empecei o outro porque axiña apareceron os rapaces para rematar “o día de praia”. Pero, e se tardan máis? Como ía estar moito tempo sen ler! Póñome moi nervioso se non teño nada para ler. Agora estou canso (do sol, de conducir, de estar sentado), pero feliz (por escoitar o mar).

Te puede interesar