Opinión

Por dicir algo

Obdulia Servidora entrou na cafetaría co típico saúdo de “boa tarde”, pero axiña corrixiu cun “por dicir algo”. O día, a tarde non está para bromas. Pola mañá a neve fixo acto de presenza e pola tarde foi o aire o que substituíu a aquela. Xa se sabe que mentres neva non adoita facer moito frío, pero cando deixan de caer as folerpas e se levanta aínda que só sexa unha pequena viruxe, o asunto xa cambia de raio. E pola tarde vaia se cambiou! Incluso unha persoa que se atope quentiña dentro da cafetaría sabe perfectamente a temperatura de fóra con tan só ver a cara de Obdulia Servidora, a Muxica. A cara da Muxica amosaba signos de case conxelación e os xestos eran dunha persoa que baduaba polo baixiño sobre a temperatura do día de hoxe. Pediu un café e tivo a sorte de sentarse nunha mesa que estaba pegada á cristaleira. Xusto nese momento as nubes abríronse, o sol asomou o nariz e os seus raios acariñaron a face da Muxica. A expresión desta cambiou; entrou en éxtase.

Te puede interesar