Opinión

Dilema moral

Ala por 1950, cando máis necesitaba Gran Bretaña dunha política natalista que servira para paliar as perdas humanas causadas pola Guerra Mundial, estoura o “caso Vera Drake”, unha muller que se dedicaba, desde unha aparente moralidade, a practicar abortos. Facíao, para entendernos sen un programa: non por conciencia social, non por ideoloxía, senón sinxelamente por piedade, porque ela sabía moi ben o que significaba a preñez non desexada.

É estraño que, tras unha filmografía marcada polo máis férreo espírito persoal, por unhas ficcións nadas do seu interese polo presente, de guións escritos ás veces a un tempo cos actores e feita coa maior liberdade que imaxinar se poida, o británico Mike Leigh dirixa agora a súa ollada cara ó pasado neste “O segredo de Vera Drake” (2004).

Pero esa estrañeza non debería ser tal: con tan só unha mirada superficial, o espectador que coñeza o seu cine recoñecerá de inmediato os mesmos temas (a relación pais-fillos, a familia) e os mesmos protagonistas e escenarios (o universo das clases populares) do resto do seu cine. E tamén os mesmos dilemas morais: a fin de contas, como ocorre sempre nas súas películas (“Segredos e mentiras”, “Naked”, “A vida é doce”), do que aquí se trata é de expoñer coa máxima obxectividade uns feitos, e que o espectador sexa o que ditamine pola súa conta e risco de que parte está.

Para iso, Mike Leigh recorre á historia de Drake, unha muller esencialmente boa, pero que non se explica demasiado. Unha desas mulleres todoterreo, traballadora, honesta a carta cabal pero que facía “cousas” mal vistas polos seus contemporáneos, e no fondo, tamén pola súa propia moral: cando deba dar conta delas verase de que forma reacciona. Pero Leigh, con tanta astucia como honestidade intelectual, fai que a esa muller, o centro dun dilema que non é de onte, senón de agora mesmo, a interprete unha actriz sensacional, Imelda Staunton, moi digna aspirante ó Oscar (non o conseguiría), que dá do personaxe ata os máis mínimos matices.

Te puede interesar