Opinión

Director atípico

A quen os deuses queren destruír, primeiro vólveno tolo. Esta frase de Esquilo, coa que Samuel Fuller encabeza os títulos de crédito de “Corredor sen retorno” (1963), define o talante e a personalidade deste director atípico, deste “tronado” cheo de furia e de xenio, posuidor dun estilo tan lírico e crispado como inconfundible, dun home que bordea a esaxeración e o ridículo con audacia vocacional, do que podes esperar calquera cousa menos a docilidade, a rutina, o moralismo, ou o aburrimento. Pasou malos momentos, sufriu a mofa e a infravaloración da crítica do seu país, pero os deuses, e a pesar de cruzárselle os cables, non conseguiron destruílo.

Samuel Fuller naceu en Massachusetts en 1911 e empezou a traballar de mozo nun periódico. Anos despois coñecerá a vida das rúas, rebuscará en lodos, pelexas e sordideces como reporteiro de sucesos doutro periódico sensacionalista. Con ese material escribe máis tarde novelas e, como non, viaxa a Hollywood a intentar vender guións.

A Segunda Guerra Mundial interrompe a súa carreira. Combate nela e debeu ter certo heroísmo porque acadou a Estrela de Bronce, o Corazón Púrpura e demais glorias militares. Volve a Hollywood e consegue dirixir os seus propios guións. Con presupostos escasos, case de serie B. Pero é igual, sóbralle imaxinación e pode darlle vida ó decorado máis rañas e ó actor máis basto.

Samuel Fuller especializarase en cine bélico, en western, en cine negro, ó bruto, ó estilo Fuller, é dicir, con nervio. Deixará imaxes poderosas, diálogos secos, violencia latente e moita alucinación. Convértese no mestre do estralo emocional, do fragmento, da secuencia intensa e do seu toque xenial.

Fala xeralmente de homes e mulleres sós que acaban peor que empezan. Só confía no individuo e asume e comparte a súa derrota. Goza movendo a cámara. O seu cine é máis efectivo que efectista. Á súa xente sempre lle toca sobrevivir, nunca vivir.

“O demo das augas turbias” (1954), “Yuma, a carreira da frecha” (1957), “Un Vermello, división de choque” (1980) e “Can branco” (1982) (unha negra parábola sobre o racismo) son as súas películas máis coñecidas.

Te puede interesar