Opinión

Disimulando a carraxe

Ás dez e vinte e cinco pégolle un berro á noite para que a miña carraxe saia de súpeto e con forza pola ventá. Teño tal rabia sobre min que ata son capaz de morderme. Non o fago porque me doería. E mentres se poida evitar a dor... Non me queda outra, entón, que apertar as sens ou as tempas e deixar que o óso da fronte sufra un pouco. Dígoo doutra maneira: teño cara de ferreiro. Nin o grupo Milladoiro me alivia. Me cago no mundo! Agora vou disimular dicindo que tal carraxe é polos incendios que devastan a nosa provincia. Que non é verdade, porque o que sinto polo dos incendios vai moito máis alá dunha simple cólera; xa non ten nome. Tamén disimulo dicindo que o cabreo que me encirra as entrañas é porque Vox quere que se ilegalice ó BNG. Tampouco é verdade que estea anoxado por isto, xa que, a estes, nin puto caso. Inocentes!, que sodes uns inocentes! De todas as maneiras, e por se aquel, xa teño máis ou menos estudado o mapa para pillar o camiño máis curto para Portugal. Aínda que tamén teño a posibilidade de analizar o asunto ese de Venus, no que semella que pode haber vida alá. Sinceramente, quérolle ó país veciño, pero ante o espazo sideral, que se quite Portugal. Non me importaría fuxir para alá. Sigo disimulando que estou enfadado porque seguimos sen cumprir co uso das mascariñas ou dos bozos, porque tampouco é verdade. Simplemente estou que rebento porque o control sobre unha realidade é como atopar auga de bacallau no deserto. Ás dez menos dez da noite sigo berrando pola ventá para calmar esta ansiedade que me mata.

Te puede interesar