Opinión

Doce caramelo

A miña gran vantaxe deste ano no Festival de Cine é que podo iniciar esta columna sobre algunhas películas sen velas aínda nas salas cinematográficas. A vantaxe, que xa comentei onte, débese a que as vin para a súa selección. Así é que hoxe podo falar dunha que se proxectará ás dez e media da noite. E falo dela precisamente para recomendala, para que non perdades a ocasión de iniciar o OUFF cun doce caramelo na boca.

A película mexicana “O comezo do tempo” (2014), de Bernardo Arellano é un drama con humor ou unha comedia con drama sobre a difícil etapa da vellez. O director conta o filme con moita dignidade e con certa tenrura, sen caer para nada no sentimentalismo. E, o máis importante, fai transcorrer o filme ó mesmo ritmo que ó da terceira idade. Película realmente entrañable

Bernardo Arellano busca confrontar moralmente ó espectador collendo a un matrimonio de idade avanzada de protagonistas en medio dunha crise social e financeira que asola o país. Aínda peor, cólleos cando o Estado lles retira as súas pensión, para acabar de rematalos. Non lles queda outra que vender as súas pertenzas, preparar comida e vendela na rúa. Teñen que subsistiren sós, porque os dous fillos que teñen non os ven desde hai anos.

Todo o elenco de anciáns está formado por non actores, pero o director consegue sacarlles tales interpretacións que non te imaxinas que non sexan profesionais (a proba é que a actriz Bertha Olivia Ramírez é química farmacéutica). Non obstante, e sen ser profesionais, lograron unha enorme espontaneidade nos diálogos.

No medio da metraxe asoma un neto, porque unha das obsesións de Arellano son os ciclos da vida e aí pode mesturar a vellos con ganas de saír adiante e a mozos preguiceiros e pouco comprometidos. Xenial o inicio desta 20 edición do OUFF.

Te puede interesar