Opinión

Drama moral

Escrita en 1955, obxecto dunha versión en cine só tres anos despois, película de Joseph Leo Mankiewicz, “O americano impasible” é a descarnada visión que Graham Greene soubo dar dun tema entón vidroso: a infiltración de Estados Unidos nos destinos vietnamitas apoiando unha “terceira forza”, equidistante do comunismo anticolonialista e dos ocupantes franceses, e responsable do que logo viría. Non é unha novela do gusto americano: a versión de Mankiewicz, protagonizada por un actor hoxe felizmente esquecido, Audie Murphy, limaba o ton crítico que Graham Greene empregaba na descrición das técnicas de infiltración empregadas polo organismo matriz do que sería a CIA.

Que é o que fai que a versión de 2002 da novela, realizada por un director, o australiano Phillip Noyce, moito menos interesante que Mankiewicz, sexa notablemente mellor cá do clásico? Dous factores: un, a súa fidelidade ó orixinal; outro a presenza dun inmenso actor, Michael Caine.

Hai no filme de Noyce, esplendidamente ambientado no Vietnam orixinal, o mesmo drama moral que suscitaba a novela: que facer fronte ó terrorismo, que papel asumir ante a certeza de que a razón de Estado xoga impunemente coa vida da xente inocente. Hai, claro está, tamén o drama íntimo do protagonista, o envellecido periodista Caine, namorado dunha moza vietnamita coa que non poderá casarse, porque xa o está, que asiste impoñente ó cortexo da súa amada por parte do voluntarioso americano do título (Brendan Fraser)

Caine confírelle ó seu personaxe unha gran credibilidade que é a razón mesma da existencia da trama: contáxianos as súas dúbidas, amósase na súa impotencia de amante vello, mantén en alto un concepto de cabaleirosidade doutra época. O perfecto traballo dos seus intérpretes principais e a súa aposta por un compromiso ético cunha realidade esquiva, “O americano impasible” é un bo exemplo de que a guerra fría segue deixando incómodas pegadas sobre o noso axitado presente.

Te puede interesar