Opinión

Por enriba de todo mal

Osol empeza a facerme dano. Ás tres e media da tarde, e baixo un sol tormentoso, saín a ler por xunto o río Barbañica, desde o Carrefour ata os Carrís da Valenzá. Andando. A modiño. E cunha viseira vermella tapando a cabeza. Pero só a cabeza. De cando en vez, cando pasaba baixo a sombra dos amieiros do río, era como notar un cambio que aliviaba as entrañas. Pero nada, eran tan só dous ou tres metros. Todo o demais era sol, sol treboento, que quenta de raio. Cando cheguei ós Carrís xa notei un ruxerruxe nas tripas, na barriga que me fixo exclamar un malo! Si, media insolación xa estaba instalada no meu corpo. Lembro lecturas a pleno sol, en plenos xullo e agosto, pola Pitediña, con viseira e a peito descuberto, ás tres da tarde, e chegaba á casa como unha rosa ou abría a biblioteca de Baños de Molgas como unha bolboreta. Certo, tiña 20 ou 30 anos. Agora teño case o dobre. A idade vainos pondo no lugar e na acción que nos corresponde. Nestes momentos estou baixo a sombra dunha antuca, dun parasol contando o mal que empeza a facerme o patrón do noso universo. É igual; dentro duns días xa non lembrarei isto e as ansias lectoras estarán por enriba de todo mal. Gústame, réndeme máis ler andando.

Te puede interesar