A ascensión o ceo

A ascensión o ceo
Terrible a ascensión ó ceo daquel que pensaba que todo era subir. Non se imaxinaba que todo o que sobe, baixa. Por moito fillo que fose de quen era. Non tardou en baixar, claro. E a aterraxe foi aínda máis tremenda do que se pensaba. Non se pode ir pola vida arrastrando fama de listo, espelido e intelixente. Todos caemos desde as alturas se non temos a que agarrarnos. Todos temos medo ante o descoñecido. E todos presumimos ante aqueles que se senten inocentes. Aínda que ás veces, estes, saben disimular a súa inocencia. Pero os soños... Como soñar é tan bonito. Ascendemos se fai falta ata o sétimo ceo ou ata máis alá do universo. Logo, a realidade ponnos no sitio apropiado, nesa aterraxe que nos esmaga os miolos, a intelixencia, a presunción e a bravura. Unha coraxe falsa, claro. Porque xa no medio da ascensión entendemos que, máis tarde ou máis cedo, hai que caer. Que non queda outra que encomendarse ó espírito da salvación, por se esta chega. Pero hai certas alturas que van máis alá dunha hipotética salvación. O trompazo será de primeira división. Ou de desfeita humana. Deberiamos analizar mellor os nosos actos antes de lanzarnos á aventura daquilo que non coñecemos a fondo. Ir de bravos pola vida, ás veces, ten os seus reveses, ten as súas aterraxes nese campo de aviación chamado a realidade. É bonito ascender ó ceo pero cun bo paracaídas no entendemento.