Opinión

Eran outros entroidos

Estamos nas datas apropiadas nas que se perde un pouco a vergonza. A maioría. Xa que hai algúns que aínda a teñen incluso para disfrazarse; non vaia ser que os recoñezan. Pero é certo que no Entroido fanse cousas que nunca te imaxinarías facer. Perdes por completo o pudor. Ata hai momentos nos que te burlas de ti mesmo. Recoñezo que eu son deses algúns que non me disfrazo... por vergonza. Pero tamén, o ano que o fixen e que fun coa cara tapada pola Valenzá e por Baños de Molgas, desboqueime. E alporiceime de tal forma que ata suaba coma un carneiro. Ese ano perdín a vergonza toda. A ver, ninguén sabía quen era! Foi aí cando me din conta das cousas que se fan porque ninguén che vai chamar a atención. Por iso me gustan bastante os carnavais. Porque, de cando en vez, é bo desbocarse, tolear, botar eses pequenos demos que levamos dentro, intentar emular o que nos gustaría ser, burlarnos do veciño ou do amigo, incluso do familiar, revirar a educación en escarnio, pero, iso si, con sentidiño, sen lle facer mal a ninguén.

Non obstante, sigo pensando que coma o Entroido de antes non hai. Era máis enxebre, máis auténtico, máis puro, máis xenuíno, máis íntimo. Agora festexamos o Entroido máis ben para a galería, máis en plan turístico, en plan vendible, en plan publicitario. Agora a forza está nos desfiles. E se non saes en algún medio de comunicación, principalmente a televisión, xa non existe tal carnaval para ese aldea, vila ou cidade. Os desfiles de agora eran antes os fareleiros, os corredoiros, que se desenvolvían por todas as aldeas. Agora, estes, acontecen no famoso triángulo ourensá, e para de contar. Aquel saír da escola e esperar a que saíran as nenas para pintalas con aquel carbón que había nas vías do ferrocarril... uf, que gozada, que risas, que carreiras. Ou cando lembro o Salvador de Nocelo baixando coas súas chocas e eu acochándome detrás das pernas do pai, polo medo que lle tiña a aquel felo. Aquel ir de porta en porta buscando ás veciñas para botarlle os farelos ou para pintalas. Si, creo que eran outros entroidos. De todas formas, hoxe, viva o Entroido!

Te puede interesar