Opinión

Escoitar aquel ruído...

Omar. O ruído do mar. Esa sensación que me deixa apoucado ante tanta inmensidade e ante tanta beleza. En silencio escoitando o ruído do mar, aínda que pareza unha incongruencia, é un dos momentos máis relaxantes e máis pracenteiros cos que se pode atopar unha persoa. Eu polo menos así me sinto. Percibín esa éxtase o outro día sentado nun enorme penedo no castro de Baroña. Facía aire, moito aire, había mar bravo, mar picado e escoitar aquel ruído, ver aquelas ondas bater incansablemente contra as rochas, contra a costa era como unha ascensión ós ceos. Ás veces ata me esquecía das sempiternas fotos porque me paraba unha e outra vez a escoitar, en silencio, o ruído do mar. Son de terra adentro, pero o mar, o ruído do mar... Sei que algún día pasarei unha ou dúas noites de inverno escoitando o mar, o ruído do mar. É que no inverno, nunha desas noites de treboada, ten que ser o summum, o celme desa sensación inmensa de paz. Porque hai ruídos nos que se acubilla a paz.

Te puede interesar