Opinión

Esforzo frutrado

Se un non estivera seguro de que José Luis García Sánchez adoita rodar con confianza incluso os seus produtos máis arriscados, diríase que o noso home trufou o desenvolvemento da súa criatura “María querida” (que naceu para conmemorar o primeiro centenario do nacemento da escritora María Zambrano) coas súas propias dúbidas sobre o que está facendo.

E non é para menos. Non lle falta a García Sánchez experiencia no campo do documental, pero o certo é que a mestura que intenta nesta ocasión resulta altamente conflitiva. Primeiro, porque desde o punto de vista formal, a súa proposta sitúase no terreo de ninguén: nin estrito documental, nin ortodoxa película de ficción; “María querida” móvese cun pé en cada territorio, e en cada un deles corre o risco de perderse.

Ocórrelle a cachos, e iso é raro tratándose dun guión no que colabora o director e o gran Rafael Azcona. Por exemplo, en moitas das intervencións de Zambrano, que con toda seguridade falaba como luce na pantalla, pero cuxas máis que frases, brillantes, fondas sentenzas caen como lousas sobre o espectador, como se a pensadora estivera falando para a Historia, non para o público dunha sala de cine. Pásalle, igualmente, cando intenta resumir en grandes pílulas o pensamento da biografiada a partir da roda de prensa máis inverosímil que se contemplara nunca nunha película de ¿ficción?

Pero máis alá de todo isto, “María querida” quedará para os anais como un digno esforzo de casar didacticamente o cine para o gran público co rigor habitual do documental de montaxe. Desde aí é desde onde tamén debe xulgarse un filme que, polo demais, é dunha honestidade intelectual irreprochable, desde as súas referencias biográficas ata o seu cabal republicanismo.

Oxalá a película consiga o que se propoñen os seus creadores, que non é máis que abrir novos sendeiros para un mellor coñecemento da vida e da obra dunha das mulleres clave no descorrer intelectual do século XX español. Aínda que o leva cru, pois desde a súa estrea (no 2004) pouco máis se volveu falar do filme.

Te puede interesar