Opinión

Esperando o rañoso

Estaban todos tumbados sobre un penedo do alto da Chaira. Uns miraban para Barricobos e dous ou tres con dirección ós Poulos, aínda que os amieiros da Porfía non deixaban ver gran cousa; tan só quedaba a intuición. Todos estaban esperando o Rañoso. Facía unha hora que se soubera que fuxira do cárcere de Pereiro, onde levaba cinco anos porque dixeran que matara a un forasteiro (algo máis alá do Padornelo) que pululaba por Baños de Molgas. Quen lanzou o bulo foi o gran cacique da vila (ó que lle chamaban así, O Cacique), aínda que moitos veciños non pensaban da mesma maneira. Pero o que manda, manda. Como estaba a mandar agora sobre os que estaban tumbados no penado da Chaira.

Mal pensaban estes que O Rañoso asomase polas Corgas. Apegouse ó muro do campo de fútbol e achegouse, con moito sixilo, a uns 25 metros tan só de onde estaban “os mandados”. Colleu folgos, púxose de pé, berroulle ós apostados no penedo, baixou o pantalón e ensinoulles o cu. Logo soltou gargalladas a treo ó mesmo tempo que exclamaba: “dicídelle ó Cacique que me veña bicar o cu, que teño paxariños”. E cando os “tumbados” quixeron reaccionar, xa O Rañoso botara a correr pola Parrumeira abaixo e cruzou o río Arnoia todo feliz e contento.

Te puede interesar