Opinión

Esperando

Esperando a que o ruído se esfume, se esvaeza en silencio. Aínda que, segundo pasa o tempo, o barullo máis se intensifica. Somos propensos a berrar. A berrar nos bares e nas rúas. A berrar nos montes e nos espazos pechados. Berramos pola emoción dun feito e pola éxtase dun orgasmo. Berramos individualmente e a coro. Berramos andando e parados. Moitas veces berramos por berrar.

Esperando a que o ceo despexe. Non ten pinta de facelo. É máis, cada vez se pon máis negro. Nubes negra. Nubes escuras. Nubes que, de cando en vez, soltan auga. Pingas de auga caendo sobre os coches e o asfalto, sobre os tellados e algún calvo. Sobre os que teñen pelo, empapa, enchoupa. Nubes que tapan un máis alá cheo de ilusión. Esa ilusión de voar por todo o espazo. Esperando a que o tempo pase, o ruído amorteza e as nubes se desfagan. Ou se trasladen. Ben podían marchar e cubrir os ceos dos países máis cálidos. A estes, só con ver as nubes, xa lles faría ilusión un futuro mal tempo. É certo que non lles adoita caer esa bévera, esa bicoca.

Esperando a que o silencio, o pouco silencio que hai, que queda, aboie sobre a inocencia desa ansia. Porque a ansia de que impere o silencio neste ruído inmenso é máis que unha quimera. Agora só me queda a ilusión de que tanto un coma o outro, tanto o silencio coma o ruído, se collan da man e pacten un tempo calmo con algunha que outra onda tortuosa, brava e, si, ruidosa. O silencio afondará na auga revolta.

Te puede interesar