Opinión

O espírito maligno non ten conciencia

Desde o pavillón do Campus Universitario ata o fondo da Avenida da Habana. Andando. E pensando. Pensei na CIA. Non por saber dela nas películas, senón por asomar nos medios de comunicación cos seus brutais interrogatorios tras o 11-S. Isto xa o intuíamos e agora xa o sabemos seguro. A CIA. Eses que, nas películas, son heroes porque descobren sempre o espírito maligno dos contrarios. Dos contrarios a eles, claro; que adoitan ser practicamente todos porque, eles, os ianquis, son únicos, e honrados, e valorosos, e guapos.

Pensei nas agresións por violencia machista. Porque o luns pasado houbo cinco mortos por esta causa, entre asasinados e suicidados. Pero por que non se suicidan primeiro, por Deus! A verdade é que esta lacra en vez de diminuír, vai en aumento. Estes machistas de pacotilla si que teñen un espírito maligno dentro.

Pensei nas críticas do PSdeG do Carballiño cara ó seu alcalde porque seica felicitou o Nadal en castelán. Ai, amigos, es que El Carballino no te es una villa cualquiera. En serio, é moi triste ver cómo estamos tirando pedras contra o noso tellado. Esta semana pasada mesmo saíu un informe sobre o “afundimento”, sobre o retroceso da lingua galega. Ante actitudes coma as de Marnotes é lóxico que a nosa lingua retroceda. Os concellos e os colexios deberían ser os grandes defensores do galego, e non sei se non serán precisamente os que máis en contra están do seu uso. O espírito maligno non ten conciencia.

Te puede interesar