Opinión

Exercicio de cinefilia

Chicho Ibáñez Serrador recalou nos estudios de TVE en 1963 onde empezou a dirixir comedias e programas de terror, e máis tarde concursos e debates. Ata o propio Fernando Savater recoñeceu que “o conxunto do seu traballo significou entón un indubidable salto televisivo cara adiante. Rescatou dignamente as convencións do xénero da mediocridade que impuñan os medios escasos e a trapallada ditatorial”, virtudes que o filósofo recoñeceu igualmente nas longametraxes dirixidas polo autor: “A residencia” (1969) e “Quen pode matar a un neno?” (1976).

“A residencia” bateu récords de recadación nas pantallas españolas, dando mostras da gran habilidade técnica e do coñecemento profundo de Chicho (Narciso) dos resortes emocionais ó espectador. Seis anos despois desta longametraxe e inspirándose nun relato titulado “O xogo orixinal” de Juan José Plans, realizou “Quen pode matar a un neno?”, introducindo un prólogo que non existía no conto orixinal no que se amosan as animaladas, crimes e malos tratos que soportan os nenos no mundo actual. Ibáñez Serrador non quería falar exactamente de nenos maltratados. O que cría é que sempre que sucede algo tremendo, polo xeral guerras, grandes fames e cousas así, as primeiras vítimas e en masa son os nenos. Os nenos sempre son as vítimas dos adultos.

A acción da película empeza cando un matrimonio de turistas ingleses chegan a Almanzora, unha illa solitaria onde ó parecer só habitan nenos. Sorprendidos de non atopar persoas maiores, deciden investigar e descobren os corpos mutilados dalgúns adultos. Danse conta entón da dramática realidade: os nenos asasináronnos aproveitando as súas inocentes expresións e o feito de que ningún adulto se atrevera a usar a violencia contra eles. A película convértese non nun relato de ciencia ficción, nin nun filme convencional de terror, senón nun thriller cuxo propósito é o suspense e o clima de traxedia. Narciso Ibáñez Serrador demostra que sabe cómo facer unha película de terror sen os habituais elementos do gran guiñol. Auténtico exercicio de cinefilia.

Te puede interesar