Opinión

Exercicio de democracia directa

As rúas" permítelle ó espectador embarcarse nunha viaxe que non é un superficial percorrido turístico, se non máis ben unha excursión no sentido recreativo e pedagóxico do termo. A película de María Aparicio recrea e ficcionaliza o proxecto levado a cabo por unha docente de Puerto Pirámides e os seus alumnos, no que a partir dun traballo de entrevistas ós poboadores organizaron unha votación para poñerlle nome ás rúas do pobo ata ese momento sen nome. Os actores do filme son os mesmos alumnos e paisanos entrevistados na realización do proxecto, con excepción das docentes interpretadas polas actrices cordobesas (de Arxentina) Eva Bianco e Mara Santucho.

Os nomes das rúas son unha excusa para o encontro dunha comunidade e para repasar a súa propia historia. Son nomes que quizais despois dalgúns anos todos houberan esquecido e que lembran ós pobos orixinarios, ós antigos poboadores e a outros personaxes relevantes da historia da Patagonia.

O que vemos na ópera prima de María Aparico, moza de 23 anos, inqueda e moi curiosa, é unha experiencia na que pensar nas rúas dun pobo impulsa unha práctica de encontro, de diálogo entre xeracións atravesadas pola historia do país e unha acción que lle permite ós poboadores transportarse ó pasado e mirarse desde alí, desde un lugar que semella afastado pero que irrompe coa súa presenza no presente a través dos nomes de poboadores orixinarios e dos primeiros colonos que se asentaon no lugar.

Exercicio de democracia directa no que o mesmo pobo decide sen ningún tipo de intermediación o nome que levarán as súas rúas e é á vez unha práctica de memoria colectiva na que se reflicte o protagonismo dos cidadáns en manter e honrar esa memoria. O filme acadou premios nos festivais nos que leva participado. Non está nada mal.

Te puede interesar