Opinión

Exercicio inocuo

En 1974, unha humilde película de terror independente, “A matanza de Texas”, de Tobe Hopper, puña horrendas imaxes de ficción a un episodio arrepiante acontecido un ano antes: o descubrimento de 33 cadáveres nun antigo matadoiro texano. A estrutura do filme operou o milagre da influencia constante nun xénero que goza coa reiteración de situacións. E así, o pequeno grupo de forasteiros que se enfronta (e sucumbe) ó horror cotiá a mans duns concidadáns converteuse nun dos tópicos máis sobados polo terror contemporáneo. Tócalle agora, a un plaxio en toda regra, o filme “A matanza de Texas II”, que supón o debut na dirección do realizador alemán, Marcus Nispel, é un recorrido puntual polos principais momentos do seu ilustre predecesor, iso si, cun tratamento realista e puntilloso da imaxe. Ese ton, mestura de calor, tensión, suor e sangue, fai do filme un exercicio de case insoportable visión nalgunhas das súas secuencias estelares. Unha proposta para consumo de adolescentes amantes do xénero, e non moito máis.

Houbo un tempo no que colocar unha pistola na man dun actor español era como accionar un serrón no garneato da película. Morte por ausencia de credibilidade. Se exceptuamos algúns filmes do policiaco barcelonés, o panorama non cambiou ata que Enrique Urbizu e Imanol Uribe, entre outros, converteron ós seus personaxes no que realmente representaban. Os intérpretes xa non facían de policías, putas ou chourizos. Simplemen- te o eran. Con “Tánxer”, debut na dirección de Juan Madrid, volveuse ós tempos nos que daba grima oír a un policía falando en ton de policía con frases de policía.

Cunha nula dirección de actores, “Tánxer” é un erro de principio a fin. A realización é nefasta, e a trama, na que se mesturan os nostálxicos do franquismo coa prostitución, a corrupción policial co submundo neonazi, está contada a base de estúpidos diálogos presuntamente inspirados polo cine negro. Un feito resume o desatino: contratar a Jorge Perugorría para facer o papel do Morito, para logo dobralo coa voz de outro, pero sen acento magrebí. 

Te puede interesar