Opinión

A experiencia dos feitos

Bo estaba e morreu. Quen morreu? O que bo estaba. Así de simple e así de sinxelo. Non hai porque buscarlle tres pés ó gato. A ver, por que dicimos tres pés se o gato ten catro? Sempre andamos buscando complicacións. Se a vida é a cousa máis sinxela que hai: vívela, e punto.Tes que vivila, senón... malo! Morres, non si? A ninguén lle gusta morrer. Creo que nin ós suicidas. Penso que estes, no derradeiro suspiro, xa están arrepentidos. Pero, claro, o problema é ese derradeiro suspiro. O derradeiro, entendedes? Xa non hai volta atrás. Ou volta de folla, tamén se di. Veña, veña, a vivir que son dous días! Son algo máis de dous días, mais, xa sabedes, as frases feitas... A frases feitas son o demo. Serán, pero é certo que teñen o seu aquel. É coma os refráns, case nunca fallan. Eu creo que os refráns son o día a día da xente, son a experiencia dos feitos. Se dás un paseo todos os días ás oito da tarde no verán e da noite no inverno, o normal é que os seguintes todos os días fagas o mesmo, non si? Que ten que ver iso cos refráns? Ah, non sei; quizais o da experiencia dos feitos. Vou na procura dun gato para mirar se ten tres ou catro pés. Sei que ten catro, pero... Cada vez estou máis convencido de que nos complicamos a vida porque nós mesmos somos un pouco complicados. Ou un moito retorcidos. Aquí tamén entra a experiencia dos feitos. A experiencia éche o demo!

Te puede interesar