Opinión

A extinción dos dinosaurios

Extínguense os dinosauros e quedamos a velas vir. Nunca se nos deu por formularnos a ecuación de que calquera día, en calquera momento quedariamos cegos coma toupas. Deixamos que os dinosauros se perdan na memoria do tempo e cando optamos por botar man deles, atopamos tan só o baleiro, a nada, a intranscendencia. Sen eles chocamos contra a ignorancia e por moito que busquemos non atopamos, porque nin tan sequera sabemos buscar. A extinción dos dinosauros é un acto cruel e triste, moi triste, que nos deixa amorfos. Foron a guía que nos quixo ensinar o camiño, pero nós, o dito, coma toupas e facendo da ignorancia unha gabanza, un eloxio.

A extinción dos dinosauros deixa un descoñecemento tal que o día de mañá botaremos as mans á cabeza e diremos que o tempo pasou e non sacamos proveito ningún. Seguiremos a velas vir e que Deus reparta sorte. Quero mesturarme por entre os dinosauros das manadas máis excelsas, pero cada vez están máis lonxe do meu entendemento. Quero mamar da súa sabedoría pero non teño xa tetos dos que chupar. Cada vez queda máis lonxe o baúl da súa memoria. Non deixemos morrer ós dinosauros!

Botarei man das pegadas que deixaron polas estepas da súa existencia para intentar reconstruír os instantes, os momentos nos que a súa sabedoría aniñou na esencia da vida. A extinción dos dinosauros será ese capítulo en branco que existe en moitas novelas. Vai ser complicado escribilo.

Te puede interesar