Opinión

Falamos todos

Opinión

Falamos todos

Fala o Rei, fala o Papa e sen falar ninguén escapa. O Rei dixo o que dixo, que para moitos non dixo nada e, para outros, aínda que dixera... do dito ó feito vai un treito. O Papa pide vacinas para todos. Repito: do dito ó feito vai un treito. Polos millóns de vacinas que se repartan, sempre quedarán lugares sen elas. Moitos lugares. Penso tan só en África. O outro día, nun programa radiofónico, alguén dicía o mesmo: que en África -fóra de catro ou cinco lugares- quedarían sen vacinar. Como dicía o interlocutor: se nin tan sequera hai farmacias. Sempre foi o continente espoliado e saqueado polos demais, como para que agora nos volvamos cariñosos e compasivos.

Falou o Rei, falou o Papa e agora tócame falar a min. A Audiencia Nacional sabemos que é aguda para aquelas circunstancias que van case sempre en contra do paisano de a pé. O outro día chamou a declarar a doce persoas porque en Pamplona derrubaron unhas estatuas de Colón e de Felipe VI, o noso Rei, ese que dixo sen dicir. Entendo que os chamarían a declarar por ir en contra da Coroa e non polo derrubo en si. Porque se é por isto, e  non sei por que, tan axiña como lin a noticia véuseme á cabeza o Carrabouxo. Si, o noso Carrabouxo. Porque dis ti e digo eu, que a marabillosa Audiencia Nacional nunca chamou a declarar a eses “pintamonas” que andan a pintar sempre na escultura deste insigne mestre da viñeta. A pintala e a intentar escarallala, claro. Falando claro, para nós, para os ourensáns, acaso é máis Felipe VI que o noso Carrabouxo? Si, xa sei que algún quedará coa boca aberta ó ver a comparación entre o noso monárquico có noso xogador das palabras. Ou con aquel ilustre Colón que, ó descubrir as Américas, levou alá a devastación. Eh, vedes, outro exemplo de como somos: asolamos América e axiña asolamos África. E a historia chámanos o primeiro mundo ou o mundo avanzado.

O Rei dixo o que dixo sen dicir practicamente nada. O Papa recitou unha oración, unha pregaria, un rezo. E eu... eu teño que criticar certos actos porque estou á beira da sociedade con menos recursos. Se estivera no outro lado quedaría coa boca pechadiña e esperando a que alguén dixera o que acabo de dicir eu, xa que todos sempre temos algo que dicir. Con razón ou sen razón. O caso e falar. E falamos todos. E falado queda.