Fanático da orde

Fanático da orde

Xa está. Xa deixo correr os dedos sobre o teclado do ordenador para escribir este Pingas. Que pasará como a maioría das veces: que nin idea de que, pero que, á hora da verdade, sempre poño un punto final. Xa o dicía o noso Cela, que iso da inspiración era unha pallasada, que o que hai que facer é plantar os cóbados na mesa e traballar, carallo, traballar. Eu planto os dedos índices sobre o teclado do portátil e, ale, a imprimirlle algo de velocidade. A velocidade vese moi ben acompañada pola música, nestes momentos, de John Coltrane.

Antes tocoulle a Jerry Goldsmith e, logo, tocaralle ós Satélites con Sito Sedes. Coma con todo na miña vida, teño as miñas maneiras para realizar certas cousas. Os meus métodos. Hai algúns destes polos que deixo un pouco alucinados a certos amigos; principalmente aqueles que precisan listados ou índices ou algo semellante; é dicir, que todo para min ten a súa orde. No caso dos listados e índices impera a orde alfabética. Son un fanático da orde, desa orde, chamémoslle, administrativa. Listados de películas, listados de cancións, listados de Cds, listados de DVDs, listados de libros, listados de arquivos. Porque coa orde todo é máis fácil. Xa está. Agora digo que con orde ou sen orde, o Pingas chegou ó seu remate. Os dous dedos índices quedan quietos co punto final.