Opinión

Farto de esaxeracións

Saín da casa con destino á Valenzá. Máis en concreto, á biblioteca. Iniciei o camiño cun paso detrás doutro. Porque xa dicía aquel que se fai camiño ó andar. Eu son de andar. No atallo déuseme por pensar en que quería correr detrás dos biosbardos da Santa Compaña. Incluso que podía ser tema para un Pingas, pero estou canso de esbardallar sobre a irrealidade, sobre o imposible. Estou farto de esaxeracións.

Cando entrei na biblioteca, devolvín un libro que acababa de ler e, lóxico, faltaría máis, ó momento xa collín outro. Comigo teño que ter sempre tres -os que se poden ter en préstamo-, como cando era coa biblioteca de Ourense, que deixaban cinco e cinco pillaba. Por se as moscas. Por se un o remato axiña ou por se algún non me gusta ou se por un casual non podo ir á biblioteca durante uns días, etcétera. O que si sei seguro é que se me acabaría o mundo se non teño libros para ler. Por iso intento ter sempre unha boa reserva.

Na biblioteca lin o terceiro periódico do día. Hai un de tirada nacional que non adoita estar nos cafés. Ó rematalo saín axiña e chegaba o momento de tomar o típico cafeciño. Si, a biblioteca é a escusa, pero a verdade verdadeira da saída da casa é o cafeciño. E mentres tomo o café aproveito para comentar que non corrín detrás dos biosbardos da Santa Compaña, que corrín detrás duns libros, un café e este Pingas. Bos motivos para correr.

Te puede interesar