Opinión

Un feixe de sensacións

O soneto que el compuxera nunha noite de treboada atrancou a represa, o encoro dos recordos. Ela era cada verso. El optou por escribir outro poema no que o aloumiño do sorriso dela ía moito máis alá dun desexo. Ela recitouno a ritmo de valse e unha pinga de emoción baixaba pola súa cara. El quedou en silencio e coa ollada perdida no tempo.

El e ela, ela e el, os dous xuntos subiron á Perla Negra. El sentiuse Jack Sparrow e ela a serea dos ventos. E xuntos navegaron pola inmensidade do océano. Ese océano no que había versos a esgalla e sentimentos dun e do outro que estouraron, que rebentaron cando unha onda mollou os seus beizos.

El agarrou con forza o timón da Perla Negra. Ela marchou correndo para arriar as velas. Xuntos seguiron navegando polas augas do universo, do seu universo. El cantou desde o alto do mastro e ela bailou de proa a popa da carabela. Os dous xuntos deixaron que o aire bicase as súas ansias de espera.

Non esperaron. Fundíronse nun aloumiño por cada verso do soneto, do poema. El deixou escapar xemidos de emoción e ela compuxo cos seus suspiros unha canción na que un verso solto se espallou polo ronsel que deixaba a velocidade da Perla Negra.

El rebentou a vaira, a presa, o encoro cun simple latexo. Ela deixouse levar empurrada polas augas dos sentimentos. Os dous formaron un nobelo, un feixe de sensacións.

Te puede interesar