Opinión

Filme rico en matices

Conta o director Imanol Uribe que “Plenilunio” (2000), a premiada novela do académico Antonio Muñoz Molina, o levaba perseguindo durante un bo tempo, ben porque insistentemente lla recomendaban algúns amigos ou por circunstancias tan casuais como a de atopala esquecida nun taxi, ata que finalmente o produtor Fernando Bovaira lle propuxo adaptala ó cine. A historia de “Plenilunio” ten moito que ver co mundo das obsesións do director, interesándolle especialmente a combinación que o escritor Muñoz Molina creara entre o horror dun asasino violador de nenas e a historia de amor dunha parella tardía.

En colaboración coa escritora Elvira Lindo decidiu facer unha adaptación moi fiel do libro xa que se trata dun relato tan rico en matices e personaxes que non facía falta saírse de aí. Muñoz Molina tamén colaborou co director; incluso interveu nun pequeno papel. “Facíame moita graza a idea de que un académico da Lingua fixera de bedel de colexio”, explicou Uribe. O autor levou a Imanol Uribe a Úbeda, que é onde aquel pensou a novela, para ensinarlle a auténtica xeografía do relato, aínda que o director preferiu que se desenvolvera en Palencia porque é unha cidade o suficientemente grande como para que un asasino poida acocharse, e o suficientemente pequena como para que todos os personaxes se crucen na rúa Maior.

Imanol Uribe quixo facer unha película moi sobria, tanto en vestiario como en fotografía e en decorados. É un retrato de personaxes nunha cidade de provincias coa aroma das obras de Simenon ou daquelas películas de Chabrol de historias provincianas... Non hai suspense respecto a quen é o asasino; o espectador sábeo desde o primeiro momento.

“Plenilunio” reúne a uns personaxes que comparten un mesmo trazo: a soidade, unha soidade romántica, literaria. Porque é unha historia de soidades; que dividiu bastante á crítica, aínda que a maioría a aceptou como unha boa longametraxe na que predominaba, iso si, o gran elenco interpretativo, desde Miguel Ángel Solá ata Adriana Ozores, e sen esquecer a Juan Diego Botto e Charo López.

Te puede interesar