Opinión

O filósofo

Móvense as herbas verdes empurradas polo vento do oeste e catro coches pasan veloces pola estrada que transcorre cara o infinito e máis alá. Xácome Variado Suárez pensa que o tempo está quieto e que as herbas tan só se moven porque si, porque o aire e moito aire e porque os coches alguén os puxo aí para que corresen. Por algo lle chaman O Filósofo. Desde rapaz soltaba cousas que deixaba ó interlocutores coas bocas abertas. “Ti estás aquí porque viñeches”, dicíalle a calquera… e con toda a razón do mundo. Xácome Variado Suárez, O Filósofo, ensinaba os dentes nun grande e longo sorriso logo de deixar caer “as súas filosofías”. Era bo rapaz. Non se metía con ninguén. Só lía e nas conversas andaba ó seu: “Fuches ó perruqueiro porque cortaches o pelo”. Mais non contento con isto… “ó mellor cortaches o pelo porque fuches ó perruqueiro”. O Filósofo cae na conta de que o estou observando e de que, ó mesmo tempo, escribo. “Ti estás escribindo porque o teu bolígrafo baila sobre o papel cuadriculado”. E ensíname os dentes co seu enorme sorriso. Este Filósofo…

Te puede interesar