Opinión

Fixéronme así

Estacionei o coche nunha nube branca. Quedei negro. Non sei como cheguei alí. Ás veces cometo accións que non proceden. Perpétroas sen querer, pero acontecen. Coma navegar en soños cando estou esperto. Ou asubiar cando durmo. Cando pensar que corro estando quieto... Non son raro, fixéronme así.

Mesmo penso se non me deixarei influenciar por algúns. É que hai uns días que lin que a un paisano se lle deu por pedir que lle cambiasen o horario ás mareas para poder visitar ás súas anchas ou coma un rei nunha cesta a praia das Catedrais. Así é que todo se pega un pouco. Por que eu non vou poder aparcar nunha nube branca?

Sinto vertixe de caer nunha modorra que non me deixe respirar. Que terá que ver iso? Cando eu nunca tiven vertixe de nada. Nin tan sequera das alturas. Perdón, de rapaz tiña vertixe no autobús que me levaba de Maceda a Os Milagres os luns de cada semana; e non por ser luns nin porque me marease no autobús, senón pola angustia, polo medo que me daba, que nos daba o padre Eguren. E iso que a min, por sorte, nunca me puxo as mans encima. Mais era deses personaxes que tiñan a man demasiado lixeira. No autobús notaba algo no estómago que sabía moi ben que era a vertixe, o medo. Menos mal que foron poucas veces; nun período de tempo de tres meses nos que ía “cos da cerámica”, en moto, ata Maceda e alí pillaba o citado autobús. Logo das vacacións de Nadal xa me meteron interno no colexio. Pero isto xa é outra historia.

Te puede interesar