Opinión

O fouciño fai milagres

O tempo non pasaba. O aburrimento imperaba. Sempre me angustiei ante tal aburrimento. Había que vencelo. Marchei correndo á palleira. Mirei, estudei e pesei cada fouciño. Collín o máis lixeiro. Partín correndo a matar extraterrestres.

Aterraran no noso planeta xa no ano da pera. Ningún ser humano soubo nin sabe desde cando están entre nós. Os entendidos din que desde moito antes dos dinosauros. E, os moi condenados, son mestres na camuflaxe. De aí que aínda non conseguiramos exterminalos. E iso que eu non lles dou cuartel. Xa non sei cantas veces saín con ferramentas ó lombo, desde aixadas e sachos ata fouces a gadañas.

A maioría das súas camuflaxes son de árbores e tamén de humanos. Polo que non é tan fácil acabar con eles. Ás veces non son quen de cravar o fouciño nun vello carballo, porque este semella tan fermosos e tan recio que dá pena cortalo. Teño que perder moito tempo esperando, ata que lle noto algo que me di que é un maldito bicho. Ó descubrilo, non ando con lerias: doulle con ansia. Cando se camuflan de humanos, nótaselle na súa man dereita: da palma sae un avultamento que semella un teto.

Tales bichos ou extraterrestres ou alieníxenas seica proceden do planeta Eresus, que está moito máis alá do infinito. Que xa é unha boa distancia. Non necesito ir alá para exterminalos. Acá o meu fouciño fai milagres.

Te puede interesar