Opinión

Frontes abertas

Teño tantas frontes abertas para este Recuncho Hebdomadario que a ver se peteiro, se pico algo en todas ou polo menos a ver se fago unha potaxe con elas. Para falar da eterna e xa aburrida amnistía chega con que diga que, politicamente falando, son torto, algo así coma a ovella negra da familia. O que significa que... a bo entendedor, poucas palabras bastan.

Tamén son torto no xenocidio israelita. Aínda que neste caso, penso que me sinto máis respaldado, porque, quéirase que non, Israel xa non ten ningunha desculpa polo ataque de Hamás. Xa o propio Estados Unidos empeza a levarse as mans á cabeza polas falcatruadas, a base de bombas, que comete o exército israelita. Non é o mesmo atacar ó inimigo que bombardear escolas e hospitais. Tamén, ante isto, a ONU alerta dunha crise de humanidade na Franxa. Aínda que, a este organismo, debería de caerlle a cara de vergonza por ese simple aviso. O abandono internacional co pobo palestino clama ó ceo, xa non ten nome. Seguro que actuarán cando xa non haxa nada que salvar na Franxa, cando o oitenta ou noventa por cento dos nenos estean baixo os escombros.

Si, mellor é cambiar de tema. Claro que cambiar para o Celta... pois non sei que será peor. A ver, non hai moito acusaba ós árbitros e ó VAR de certas actuacións ante o equipo celeste e, aínda que os sigo culpando (porque os erros xa non teñen volta atrás e o castigo para o equipo aí quedou), tamén recoñezo que algo de culpa está no propio equipo. Podes perder un partido ou dous nos últimos minutos, pero tantos... Benítez creo que é un bo adestrador, mais nótolle un fallo que está condenando bastante ó equipo: os cambios. Pódese dicir que os fai tarde, mal e nunca; cando se nota a leguas que o equipo está desfondado. O caso máis flagrante é o de Mingueza, que acaba os partidos esgotado; e cando un corpo está esgotado comete erros. Tamén Aspas, con todo o crack que é (que é o mellorciño, con diferencia, que temos), de cando en vez debería saber dar un paso a un lado, ou só sabe tirar el os penaltis? Vese que, hoxe por hoxe, está un pouco gafado co gol e que leva xa dous penaltis fallados... que o tire un defensa. Os defensas sempre tiveron fama de bos lanzadores de penaltis. Porque os tiran con forza e, algún, si, poida que se vaia ó quinto anfiteatro, pero o que vai pola porta e por moito que o adiviñe o porteiro... a forza imprime velocidade.

Te puede interesar