Opinión

Guionista comprometida

Esta columna adoita versar case sempre sobre películas e sobre os directores ou actores máis coñecidos do mundo cinematográfico. Pero de cando en vez tamén me gusta falar sobre aqueles ós que podemos chamar “outros técnicos”, debido a que unha longametraxe vai moito máis alá de quen a dirixe e de quen a protagoniza. Hoxe, por exemplo, apetéceme falar da que quizais estea considerada como a mellor guionista do cine arxentino: Aída Bortnik.

Periodista, dramaturga e tamén guionista de televisión, consagrouse na pantalla grande con películas como “A historia oficial” (1985), que acadara o Oscar á mellor película estranxeira e que estivera nomeada para o mesmo premio coma mellor guión. Por certo, aquel foi o primeiro filme de Arxentina que abordou como tema a denuncia contra a última ditadura militar deste país, que como sabedes desenvolveuse entre 1976 e 1983. A maiores desa boa película, esta muller, sempre comprometida no político, tamén escribiu o guión de “A tregua”, “Gringo Vello”, “Tango Feroz: a lenda do Tanguiño”, “Cabalos salvaxes” e “Cinsas do paraíso”.

Aída Bortnik nacera en Bos Aires o 7 de xaneiro de 1938 e aínda que estudou Dereito e Letras na Universidade desa cidade, axiña se decantou polo periodismo. Escribiu nos mellores medios e revistas usando sempre a crítica acochada na sagacidade para sortear a censura dese réxime militar que comentaba no anterior parágrafo.

Pouco a pouco irrompeu como dramaturga e guionista de televisión e cine. En 1972 escribiu a obra de teatro “Soldados e soldadiños”. Entre 1974 e 1975 redactou tres obras máis. Debutou na pantalla grande coa citada “A tregua”, que foi a primeira película arxentina en ser nomeada ó Oscar e que caera derrotada pola famosa “Amarcord”, de Fellini. En 1975, cando a terrible Triple A mataba sen control, a Bortnik non lle quedou outra que exiliarse no noso país. Volveu a Arxentina en 1981 e creou o grupo Teatro Aberto para repudiar o terrorismo de Estado. Logo do éxito de “A historia oficial” converteuse na primeira escritora latinoamericana en ingresar na Academia de Hollywood. Morreu o 27 de abril de 2013 ós 75 anos.

Te puede interesar