Opinión

Heroe dos tempos de agora

Quero cargar sobre o meu lombo as guerras. Todas as guerras do mundo. Penso falar con todos os países para que descarguen todas as súas impotencias, todas as súas xenreiras sobre min. Pensaredes que son un arroutado, un botado para adiante ante esta esaxeración. Pero síntome capaz de aguantar, de apandar con todas elas.

As balas e metrallas desvíoas con asubíos. Os ouriñais, os penicos de porcelana poreinos sobre a cabeza para amortecer as bombas. Ninguén será quen de me derrotar. Serei coma aquel veciño meu que, na Guerra Civil, as balas rebotáronlle no peito con tanta forza que mesmo conseguiu liquidar a todo un batallón de roxos. A ver, el si esaxeraba. Pero eu sei que, cunha simple ollada, os exércitos inimigos non verán chegado o momento de arrecuncharse nas trincheiras e de fuxir coma alma en pena.

Certo que cada guerra levará o seu tempo e que terei que contratar un bo pedido de ouriñais, pero todo se andará. Ó meu lombo subirán Hamás e Israel, Ucraína e Rusia, mafias e limpeza étnica, droga e relixión para, con asubíos e rebotes, deixalos a todos vencidos.

Deixade que as guerras se acheguen a min, ou mellor aínda, deixade que combatan sobre o meu lombo e saberedes, con tempo e paciencia, que a min non me dobrega calquera besta con ansias de poder. Son eu o tal para poñerme á súa beira! Van saber o que é bo, digo, o que significa unha derrota do heroe dos tempos de agora.

Te puede interesar