Opinión

holocausto de amor

Hai filmes que convén historialos. A importancia dalgúns sobrepasa a súa pegada narrativa. Con “Hiroshima, mon amour” (1958) é inevitable remontarse ás súas orixes. A primeira versión que se coñece é que os produtores de “Noite e néboa” (1956) pedíronlle a Alain Resnais un filme sobre a bomba atómica. Outra versión, a facilitada directamente por Marguerite Duras, indica que a iniciativa foi duns produtores xaponeses que propoñen unha coprodución, sempre que o filme conteña unha parte rodada no Xapón, e que á estrela francesa lle dea réplica unha estrela xaponesa.

En calquera caso Resnais e Duras compartían a idea de que un filme sobre Xapón tería que ser un filme sobre Hiroshima, aínda que non sobre o seu horror, aspecto xa moi tratado en filmes precedentes, como en “Fillos de Hiroshima” (1953), de Kaneto Shindo.

Antes de empezar a rodar, Alain Resnais tivo algunhas palabras coa escritora Marguerite Duras. Pediulle a esta que escribira con “continuidade subconsciente”, algo que non se puidera traducir, pero que se comprende nada máis ver o filme. E díxolle: “Escriba o guión coma se fora literatura, despreocupándose da cámara”.

Resnais filmou as dúas partes ou, mellor dito, os dous episodios do filme en Nevers e en Hiroshima. Utilizou dous operadores distintos para cada un sen que ningún coñecera o traballo do outro. Así diferenciou plasticamente Nevers de Hiroshima.

Segundo o director, “Hiroshima, mon amour” naceu coma un intento de facer cine para a muller, e aínda que François Sagan rexeitou o primeiro ofrecemento dos produtores, pensou que Duras era a escritora ideal para obter ese estilo de gran ópera que el quería darlle ó filme.

Resnais documentouse durante tres meses sobre o tema do problema atómico xuntándose con científicos e lendo todo o que se publicara. Non avanzou nada e deixou a investigación. Díxolle a Duras que había que facer unha historia de amor na que a angustia quedara nun segundo plano. Sen querelo, Resnais apunta no filme unha angustia non menos atroz, un amor de auréola necrófila. Un filme que xa quedou para a historia cinematográfica.

Te puede interesar