Opinión

Humor negro à mexicana

Aproveitando que os festivais adoitan proxectar certa diversidade de películas, hoxe tócalle a quenda á sección do cine mexicano, porque nun festival, se se pode, hai que ver algo de todo. Optei por “Coñeza a cabeza de Juan Pérez” (2009), que é unha rara combinación de boas intencións con distintas técnicas para contar o relato pero con pouco talento ou moita inexperiencia á hora de armar esta historia.

Esta é a primeira película de Emilo Portes que xa traballara en algunhas outras producións como editor e tendo experiencia detrás das cámaras cunha longametraxe titulada “Hugoool”. O director utiliza a montaxe paralela para darlle máis tensión á cinta e así darlle un ritmo áxil á película, ademais dunha voz en off que esaxera na súa duración e ás veces pasa coma se nos estiveran contando a película enteiriña.

O problema da montaxe é que se utiliza dunha forma moi acelerada e en cortes feitos no momento menos indicado, polo que o filme perde bastante elasticidade. Abusan do zoom e da fotografía concisa. Aínda que hai que recoñecer que Emilo Portes nótase que ten coñecemento da linguaxe cinematográfica bastante amplo e que intentou utilizala na súa cinta coa maior capacidade posible, algo que lle faltou un aquel para logralo.

A vontade nesta ópera prima é evidente, e sobre todo, un subxénero como é o humor negro-macabro é de agradecer. A cinta é divertida por momentos, pero nin de lonxe chega á gran comedia que nos queren vender. Máis que nada, por eses erros de novato que se evidencian na longametraxe. Algo que o director imaxinamos que limará co tempo.

Non creo que o director quixera reflectir unha situación das que se viven cada momento no seu país, que neste caso é a situación dos circos mexicanos. Máis que nada isto é un cine de escape cunha idea orixinal, e co só propósito de entreter. Cada unha das situacións dos personaxes non se toma con seriedade e a mesma actuación entre cómica e grotesca fai que se vexa incluso con agrado o filme. A pesar dos seus defectos, “Coñeza a cabeza de Juan Pérez” vale para pasar 90 minutos agradables. Humor negro á mexicana.

Te puede interesar