Opinión

A idiosincrasia dos soños

Estudei a idiosincrasia dos soños e non é tan fácil navegar con eles, por moito que me suba algunhas veces á Perla Negra. Mestúranse asuntos con pesadelos e detalles con fantasías, realidades con loucuras e ilusións con esperpentos. Porén, nunca hai que deixar de soñar.

Nunca deixo de soñar. Soño co verme luceiro da aurora e coa cor da carpaza xusto no momento en que asoma o luscofusco. Soño co compás acompasado dun Elvis Presley desbocado e co ruxerruxe dun timbal nun tema de Morricone. Soño co arco da vella, coa flor do toxo, cos chourizos na lareira, coas sabas dun leito e os bafos nun espello, cun balón de fútbol e coas miñas pernas bambeando desde o corno da lúa en cuarto minguante. Soño con ser o heroe dos tempos que están por chegar.

Por moito que soñe, non é fácil soñar, e aínda que soñe sempre. Moitas veces, a realidade non ten esperanza e a fantasía morre afogada. Os sons do silencio de Simon e Garfunkel espállanse pola selva dos berros. Porque hai berros salvaxes, e libres, e fortes, e únicos, e longos, e eternos. Despois será o eco o que se adapte, o que se axuste ó momento.

Estudei a idiosincrasia dos soños e ando medio perdido polos camiños dos sentimentos. Mestúranse, crúzanse, bifúrcanse, atráncanse e, ás veces, todo acaba nun nobelo. Nun feixe de pesadelos que deixaron de ser soños. Emporiso, o heroe dos tempos que están por chegar deita na Perla Negra coa esperanza de distinguir a realidade da fantasía e o desexo do espírito amorfo. Nunca hai que deixar de soñar.

Te puede interesar