Opinión

Imitacións

Ladreille a un can e ouleeille a un lobo. Sempre souben imitar moi ben. O parvo tamén o sei facer, pero iso é outra historia. Imito o ruído da auga cando corre, pero só a do río Arnoia. Tamén canto igualiño que as primeiras cen clases de paxaros que existen pola contorna de Baños de Molgas, desde a rula ata o gaio e pasando pola laverca e o paspallás. Así ata cen. E porque non quero imitar a máis. Sei que teño capacidade para outras cen polo menos.

Miañei coma un gato e bruei coma un boi. Sempre souben facer moitas cousas. Cando estaba na misa cantaba coma os anxos e cando asistía a un partido de fútbol sabía berrar coma un energúmeno. Imito o asubío dunha bala e o lóstrego dunha frecha. Só as frechas indias. A ver, sei facer moitas cousas, pero non todas. Non son perfecto-perfecto.

Podo converterme nun vencello para atar un feixe e podo imitar o voo do outro vencello, o paxaro; como tamén podo ser pexa para pexar as patas dun burro. No caso dos feixes só son os de ferraia, nabos e trevo. Os de palla non os podo atar e aínda non sei por que. Tamén só son capaz de pexar o meu burro Gervasio. Nin tan sequera sei pexar un cabalo. Repito: non son perfecto.

Cacarexei coma unha galiña e rosmei coma un ser humano. Non hai quen me gane a facer de nugallán nin a imitar o estoupido dos foguetes. Non obstante, o que mellor imito é o repenicar das campás na procesión de san Salvador de Baños de Molgas.

Te puede interesar