Opinión

Imprescindible documental

En 1970 pechouse o derradeiro dos destacamentos penais que albergou ós prisioneiros da Guerra Civil española. O derradeiro campo de concentración clausurárase oito anos antes. Estas informacións, xunto a outras moitas, foron obxecto durante décadas dun estraño exercicio de amnesia colectiva que agora trata de recuperar o imprescindible documental “Reixas na memoria” (2004), de Manuel Palacios, director que xa fora nomeado ós premios Emmy en 1998 polo seu traballo para a televisión “Poeta en Nova York”.

Ó longo da película, e a través de declaracións de presos políticos, historiadores, periodistas, políticos e ata sacerdotes, rescátase a voz do que se chamou o país dos perdedores, para elevarse por encima da falsa memoria do franquismo. Manuel Palacios mestura con sinxeleza pero con efectividade as testemuñas e a documentación gráfica, escrita e audiovisual da época, acompañándose dun recurso de gran poder pedagóxico: a utilización de algo tan simple como un encerado, un xiz e unha letra de caligrafía que marcan os distintos aspectos que se analizan ó longo do documental.

As novas xeracións de españois (e tamén as vellas) deben decatarse de que chegaron a existir máis de 100 campos de concentración; de que hai documentación que o corrobora; de que a capacidade organizativa do réxime viuse superada pola enorme cantidade de presos; de que o obxectivo real do ditador era “a aniquilación”, segundo o historiador Paul Preston; de que certos funcionarios aproveitáronse dun sistema xa pervertido de por si; de que a famosa redención de penas polo traballo levou a un vil aproveitamento da man de obra reclusa; de que monumentos como o Val dos Caídos construíronse en réxime de moderna escravitude.

Como contrapartida, e como signo de que a película non é un exercicio de vinganza por parte de ideólogos do bando perdedor, tamén se fala das matanzas de membros da Igrexa nos primeiros meses da guerra e de cómo estas foron clave para que o elemento relixioso tomara o mando en boa parte do réxime franquista. Bo documental para saber un pouco máis dun réxime aniquilador.

Te puede interesar