Opinión

O infinito e máis alá

Vai pola beirarrúa coa cabeza gacha. Ela non mira. Ela non sente. Ela tan só camiña. Pensa que vai chegar ata o infinito e máis alá. Pero a barreira está a poucos metros. A barreira da indiferenza. Ela pensa que dará mágoa. Pero a ninguén lle importa os seus sentimentos. Axiña se decata desa barreira. Agacha aínda máis a cabeza. Agora empeza a saber que o ruxerruxe duns labios e a intensidade dunhas olladas din máis que unha novela de cen páxinas. Ela si sente agora. Ela nótase orfa. Xa ten medo a alzar a ollada. Antes prefire tropezar cos obstáculos, cos atrancos que lle poñan ó cruzar o atallo das amizades, antes de erguer a ollada e ver esas caras que sen dicir palabras o din todo.

Ela segue camiñando, con medo, pola beirarrúa do desdén. Quere chorar pero non lle choutan as bágoas. Quizais porque no fondo sabe que, aínda con atrancos, con pexas, alcanzará o infinito e máis alá. Custaralle, pero loitará. Ela pensa que é forte. Ela sabe que os obstáculos sálvanse saltándoos o arrodeándoos. E non lle importa choutar. E non lle importa arrodear, camiñar, aínda que sexa coa cabeza cada vez máis gacha. A indiferenza da xente empeza a darlle cada vez máis forza para tirar cara a adiante. E pouco a pouco, paso a paso érguese, levántase. Ela abre por fin os ollos e sabe que logo daquela barreira estará o infinito e máis alá.

Te puede interesar