Opinión

Insólita historia de amor

Jaime de Armiñán xa demostrara o seu talento creativo antes de expoñerlle a José Luis Borau, en 1971, unha historia de transexualismo desde a convicción de que era un bo argumento que a censura non permitiría. Borau, aínda así, decidiu producir o filme. A súa habilidade para sortear dificultades plasmouse en “A miña querida señorita”, unha das películas que máis recadaron en 1972 e que acadou o premio de interpretación no festival de Chicago para o seu protagonista, un espléndido José Luis Vázquez, acompañado por Julieta Serrano, Lola Gaos e Chus Lampreave.

“En 1971 as liberdades non gozaban de boa saúde en España”, escribiu Antonio Giménez-Rico ó comentar a época en que se filmou o filme: “Naqueles días suspendíanse publicacións molestas e ata se dinamitaban, así como soa, periódicos candorosamente díscolos, e o cine non era unha excepción”. Efectivamente, a censura extremaba os seus rigores, tendo medo quizais a que o cine propagara as protestas que universitarios e obreiros expresaban por todas as partes. “O acometer unha obra cinematográfica, ó menos, neste país, resulta sempre tarefa, en certo modo disparatada e absurda”, comentaba por esas datas Jaime de Armiñán, home xa experto en loitas coa censura, tanto polas súas películas anteriores como na súa faceta de guionista na única televisión que había naqueles momentos.

Jaime de Armiñán contoulle á revista “Triunfo” a xénese da súa película “A miña querida señorita”, que lle produzo, como dixen, Borau (tamén coautor do guión) e que aplaudiu a crítica e incluso foi nomeada ó Oscar. “Fíxate, que pena”, díxolle un día a Borau: “Un tema que non se pode tratar en España e que sería preciso facelo é a historia dun cambio de sexo”. “E por que non?”, respondeulle o audaz aragonés: “Todo dependerá da forma en que se trate”. E puxéronse a traballar: “Cada un de nós fixemos seis guións, seis versións e a quinta foi a que presentamos á censura previa”. E a partir de aí “A miña querida señorita” amosou unha insólita, ambigua, triste, imposible, dolorosa e estremecedora historia de amor.

Te puede interesar