Opinión

Lección de cine adulto

Señor, déixanos vivir antes da morte”, reza unha lápida que Anne Reid le na compaña do seu xenro, Daniel Craig. Lonxe están ambos de saber que o que se traerán entre mans, moi pouco despois, será nin máis nin menos que unha explosiva, imprevista e inadecuada paixón. A explicación do que el sente queda un tanto ofuscada. En cambio, a dela é perfectamente explícita, non en van o relato focalízase prioritariamente en Reid, e pódese explicar cunha frase que a propia actriz lanza nun momento da acción: “Non estou preparada para a vellez”.

Antes, este modélico guión de “The Mother”, unha xentileza do gran escritor Hanif Kureishi, empeza case coma un arremedo de “Contos de Toquio”, de Yasujiro Ozu, con esa viaxe que os pais, que viven nunha bonita vivenda no campo, fanlle ós seus ruidosos fillos na gran cidade; e coa morte dun dos proxenitores, neste caso o pai. Pero nada do que segue logo responde nin á ética nin ás intencións do gran mestre xaponés: estamos noutro mundo, di Kureishi, no que a ditadura do desexo carnal pode cebarse cunha muller nas portas da vellez.

É arriscada a aposta que realizan o guionista, e con el o seu director, o eficaz Roger Michell (o seu crédito máis famoso é “Notting Hill”, que tan pouco ten que ver con esta, o que fala moi ben da súa profesionalidade). Primeiro, porque o personaxe de Anne Reid é case odioso, cos seus silencios cómplices, a súa actitude ante a súa filla Catrhyn Bradshaw, á que literalmente engana, ademais de sometela a unha sorte de marxinación afectiva que fixo dela unha muller insegura. Logo, porque non estamos afeitos a ver así, coa explicitude con que aquí se amosa, o desexo outonal.

Pero a pesar de todo, “The Mother” constrúese cunha paciente historia de amor a contracorrente, unha maxistral lección de cine adulto e, en definitiva, tamén un toque de atención ó espectador, sempre máis disposto a aceptar o contrario, o desexo outonal masculino orientado cara á unha rapaza nova... a perfecta demostración de que Kureishi non esqueceu os afáns de provocación intelixente que fixeron del unha figura central nas letras británicas contemporáneas.

Te puede interesar